“Commedia” de Contraproducións, o 10 de novembro na Casa da cultura de Outes

Dentro do ciclo “Outono Teatral”, o próximo 10 de Novembro, ás 20:00, a Casa da cultura de Outes acollerá a obra “Commedia” de Contraproducións.

A obra conta coa seguinte sinopse:

Arlecchino encontra unha carta de amor no mandil da súa muller e, erradamente, pois a carta non era para ela, pensa que ela o engana. Desesperado, quere matarse. Pero deteno unha misteriosa voz que vén de ningures e que lle dá un anel máxico que ten a extraordinaria propiedade de facer perder a memoria a quen o pon. Arlecchino esquéceo todo. Pero, como dano colateral, esquece tamén a noción das convencións sociais.

Un argumento que, máis alá do imprescindíbel alarde formal e lúdico, da pé para xogar criticamente cos manidos tópicos do amor romántico e os riscos do exercicio indiscriminado da sinceridade.

A obra está recomendada para maiores de 10 anos, terá unha duración de 90 minutos e a entrada será libre.

En 1.993, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, estreábase COMMEDIA un xoguete para Goldoni un espectáculo que acabou sendo un dos fitos do teatro galego. Máis de 200 funcións en xira por España, Portugal e Francia. Hoxe, 25 anos despois, repetindo no posible o mesmo equipo creativo, revisitamos aquela experiencia, celebramos aquela festa teatral.

Contraproducións.com

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *