A alta velocidade resístese en Outes e Porto do Son

Internet é un servizo que a día de hoxe é fundamental para a vida cotiá. Tanto no traballo coma no lecer a poboación precisa dunha conexión á rede global para realizar tarefas que na actualidade xa son completamente habituais e rutinarias así coma para facer trámites nas institucións públicas.

Na nosa ría os dous concellos que contan con mellores conexións as redes e con alta velocidade son Noia e Muros. No caso de Noia menos dun cuarto de poboación conta cunha conexión lenta. A vila foi o primeiro núcleo da ría en contar con conexión de alta velocidade. En Muros o caso é parecido pero un pouco peor, case un 31% dos habitantes contan cunha conexión lenta ou no caso de aldeas como Abelleira con dificultades para incluso engancharse á liña.

Os casos mais preocupantes son Porto do Son e Outes. En Porto do Son mais da metade dos habitantes contan cunha conexión lenta ou inexistente sumando un 52% do total. Nos últimos anos fixéronse algunhas melloras nos cascos urbans de Porto do Son e Portosín pero as aldeas, nas que reside gran parte da poboación, continúan cunha conexión desfasada.

Outes é o concello da ría que conta con peor conexión á internet pois mais do 80% dos habitantes contan con conexión lenta ou inexistente á internet.  Se ben é certo que o 80% conta cunha conexión lenta ou inexistente (Entre 1MBs e 8MBs) o 20% restante non conta, tampouco, cunha velocidade superior aos 20MBs, unha velocidade bastante inferior ás máximas habituais na actualidade (300MBs) ou á velocidade coa que conta Noia (Entre 50 e 100MBs). Dende o goberno municipal non se ten desenvolvido ningunha iniciativa para arranxar a situación e xa son múltiples as queixas dende a oposición (BNG e Compromiso) para tentar arranxar a situación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *