Porto do Son homenaxea a Ramón Sampedro

Veciños, familiares e membros da asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD) da Barbanza homenaxeaban este pasado sábado na praia das Furnas, en Xuño, a unha figura importantísima para a loita por unha morte digna.

Para lembrar os 21 anos da morte do sonense convocan unhas xornadas que comezarían cunha mesa informativa ás 11 da mañá no Mercado de Santa Uxía de Ribeira. Tamén se realizou unha conferencia con Javier Velasco, o presidente da asociación “Derecho a Morir Dignamente” na Casa da Cultura de Xuño, onde criticou profundamente o retraso da lei de suicidio asistido.

Nesta ocasión houbo importantes novidades respecto a outros anos, comezando porque é a primeira vez que se conmemora o Día da Morte Digna, unha proposta realizada por DMD Galicia. Tamén, en lugar de ler poemas escritos por Ramón Sampedro, pediuse ao escritor Manuel Cartea e ao artista Manuel Teira que presentasen os seus propios textos inspirados na loita do tetrapléxico sonense. Ademais, tomou palabra o profesor Xosé Lois Villar, que se mostrou bastante crítico co goberno local por non ter apoiado dende o principio a petición de declarar o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna. Por último, procedeuse ao lanzamento de craveis e rosas ao mar, «porque o mar sempre estivo moi presente na obra de Sampedro, e incluso ten un poema, Unha rosa para a morte, na que fala de toda a súa loita», explicou Villar, que tamén apuntou que por este mesmo motivo se escolleu para poñer fin ao acto a canción Tempestades de sal da cantante galega Ses. Para rematar, o presidente de DMD Barbanza, Pepe Vila, repartiu distintos trípticos sobre a actividade que realiza a asociación e ofreceu asesoramento sobre o testamento vital e o rexistro de instruccións previas para poder decidir como unha persoa quere poñer fin á súa vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *